martes, 12 de marzo de 2013

AUGA E ALLO

Que dixo a "troika" que debemos traballar máis, cobrar menos, xubilarnos máis tarde e pagar máis diñeiro nas compras. E á vez din -e cóntao Mariano moi oufano e aplaude a súa bancada, que debe estar fumada- que moi ben o feito ata agora, que están moi contentos de nós e que ademais da reserva espiritual de occidente, oriente e a estratosfera, se seguimos a folla de ruta alcanzaremos a meta e, no caso contrario, auga e allo.
Logo en voz baixa, e para que non o oiamos os cidadáns da pé, cóntannos que subiu o paro ata cifras insoportables e que a sanidade, malia o céntimo da gasolina e o copagamento de medicinas, prótese e algúns actos clínicos, está á baixa e que, mentres aquí os papeis de Bárcenas ou os de Crespo non acaban de aparecer, alá -e sen escoitar sequera ao Espírito Santo- os cardeais esixen coñecer os segredos do caso "Vatileaks", onde contan as miserias do Vaticano.
E mentres Torres-Dulce, o fiscal nomeado por Gallardón, abre un expediente para destituír o fiscal xefe de Cataluña por defender unha consulta á cidadanía dentro da legalidade, aquí o superxefe da Xunta en Ourense segue sentado no seu cargo e, por poñer outro exemplo, no Concello compostelán hai un forte olor a podre que non chegou aínda ata o Pazo de Raxoi, onde ten asento o xefe da Xunta.
A contratación está baixo mínimos, no subsolo -co que supón para a perda de postos de traballo e do beneficio social que toda obra pública significa para a cidadanía- e baixando dos peores niveis nos días máis duros da longa crise.
E segue a telenovela da "princesa" Corinna, que xoga na liga dos mellores e gratis. Agora o xefe dos espías declarará este mes para explicar se dona Corinna "trinca" comisións como os alegres rapaces de Gürtel ou soamente pasaba por alí antes de entregarse á caza maior... De paso, o gran xefe da nosa "CIA" podería explicar á cidadanía como un asasino ultra só cumpriu catorce anos dos 43 aos que o condenou un tribunal, asesora hoxe as Forzas de Seguridade do Estado.
Non se comprende, xefe, o que non se entende.
Ah, xa: auga e allo.

Ningún comentario: