sábado, 9 de marzo de 2013

CORRUPTORES E CORROMPIDOS

Día tras día, cunha monotonía angustiosa, sucédense episodios onde, desgraciadamente, a corrupción é protagonista. Fálase moito de corrupción, e ás veces cálase o máis importante, que hai dúas clases de corruptos, os suxeitos activos que promoven a corrupción, e os suxeitos pasivos que se deixan corromper.
Corruptores e corrompidos son a cara e a cruz da mesma moeda, e non existirían uns sen os outros. Se os corruptores encontran motivo para ir repartindo prebendas a cambio de favores, é porque hai corrompidos dispostos a facer favores a cambio de prebendas. Unha cousa chama á outra. Se é malo o que compra vontades, tamén é malo que as vende ao peso.
Cando un individuo, chámese como se chame, comeza a repartir sobres con diñeiro de dubidosa procedencia, é porque sabe que hai xente disposta a recibilos e gardar un silencio cómplice. E quen di sobres, di traxes, ou bolsos ou comisións.
Unha sociedade sa, é unha sociedade que non permite que se produzan estas relacións perigosas. Cando este espírito de moralidade cívica se consegue, os corruptores teñen que largarse a outras latitudes cos seus sobres, os seus traxes, os seus bolsos e as súas comisións.
A corrupción existe porque existe un caldo de cultivo, onde pode crecer e desenvolverse ao seu antollo, onde hai xente que fai e xente que deixa facer, xente que paga e xente que cobra, xente que executa e xente que mira para outro lado. E tamén, como non, xente que recibe unha pasta gansa pola súa cara bonita, pero que cando agarran ao corruptor coas mans na caixa, se escandaliza e proclama aos catro ventos a súa inocente ignorancia. Eses son os peores, eses fariseos que van de honrados e son uns corruptos de dobre cara.

Ningún comentario: