venres, 12 de abril de 2013

AÍNDA HAI CLASES

Vemos todos os días que se fala de millóns e de centos de miles de euros en pagamentos corruptos ou en furtos ou desvíos de diñeiro. Estas actividades supostamente delituosas ocorren sempre na mesma zona do Reino, a saber, a capital e a vertente mediterránea, que se dicía antes cando se aprendía xeografía. Pola contra, outro territorio atávico no tráfico de favores é o galaico, onde o tráfico de favores está inscrito no xenoma e é de carácter obrigatorio para o día a día.
Hei de confesar que o movemento de cartos dos Bárcenas, Urdangaríns, Correas ou de Pablo Crespo, que pronto aprendeu os métodos capitalinos aínda sendo galego, superan a miña capacidade de contar e de asimilar tanto número de euros, que nin con pasalos a pesetas ou reás fago idea deles. É que os galaicos, se nos sacan dos vinte euros, xa non sabemos movernos e cantidades superiores.
Mentres polas terras de levante, os profesionais da corrupción invisten en operacións con encanto, como campionatos deportivos internacionais, axuda aos necesitados, tráfico de influencias a nivel mundial, torneos de iates e actividades similares de alto nivel, os perversos galaicos fan chamadas telefónicas a este ou aquel alcalde ou concelleiro para que lles outorgue unha concesión municipal, xantan cun alto cargo da Xunta ou da Deputación para conseguir unha subvención ou o máis frecuente é que pidan por un parente ou amigo, sen oficio nin estudos, para empregalo por aí, onde non estorbe.
A fin de contas, as tramas das operacións Campión, Pokémon, Manga, Muralla, Pollo, Torre, Cabalo de Troia e outras menores non son máis que actividades ilegais que nacen polos ocos baleiros que deixa a lei de procedementos administrativos e outras normativas de contratos públicos. Non teñen xustificación, pero mentres un rexedor autóctono pasa polo xulgado porque por darlle alí unha concesión a esta ou aquela empresa que en agradecemento lle pintou un cuarto de baño, os corruptos mediterráneos seguen á intemperie porque o defraudado é de varios millóns de euros. É que aínda hai clases e a lei non é igual para todos.
É que aquí nos corrompemos por pouco. O noso prezo é baixo, como corresponde a un pobo subdesenvolvido que só aspira a un emprego fixo de escasa remuneración ou a un billete de avión para ver o museo de cera de Madrid ou o de Madame Tussauds durante unha fin de semana. Recordo un edil que foi a Málaga e veu alucinado porque os pasos de peóns estaban pintados. Ante a pregunta obrigada de porqué non facía el o mesmo no concello dixo que estaba esperando unha oferta de varias empresas para acometer tamaña obra a bo prezo. Pasaron os anos, tres atropelos e todo seguiu se pintar. Seguro que agardaba que lle decorasen a súa casa. Se é que nos vendemos por un caldeiro de emultone.

Ningún comentario: