mércores, 10 de abril de 2013

SERÁ REAL MARIANO RAJOY, OU É UN SER VIRTUAL?

Onde está o presidente do Goberno?. É real?. Existe?. Será un ser virtual?...
Despois de constatar que dende o 28 de decembro Mariano Rajoy non comparece en persoa para atender aos medios e o fai a través da súa imaxe nunha pantalla de plasma, xurdiume a inquietude de que posiblemente esteamos gobernados por alguén que non sexa unha persoa física. Será esta imaxe de Mariano Rajoy controlada directamente dende Alemaña pola Sr.a Merkel?. Terao feito desaparecer Bárcenas e de aí que nunca o nomee?...
É absolutamente incrible que o presidente do Goberno non teña valor para comparecer ante os medios por medo a que o pregunten. É impensable nun país democrático que o seu presidente non dea explicacións á opinión pública. É intolerable que a persoa que ten que liderar o país esconda a cabeza, e a súa política sexa a de deixar pasar o tempo para que se esquezan os temas que ten sobre a mesa.
Nin España nin os españois nos merecemos un covarde como presidente do Goberno. A historia demostra que fomos conquistadores, emprendedores, valentes ante os problemas. Aínda que a situación sexa infernal estou convencido de que temos valores abondo para vencer esta terrible crise. É difícil dobregarnos e sempre saímos das peores situacións. Por iso faise máis incomprensible que o Presidente estea escondido e non teña o valor suficiente para enfrontarse aos problemas.
Sei que foi elixido por maioría absoluta, pero iso non o exime das súas responsabilidades e obrigas. Iso non lle dá dereito a non render contas e ofrecernos explicacións.

Mariano Rajoy incumpriu todas as súas promesas. Cada día a crise golpéanos con máis forza porque as súas medidas de austeridade o único que lograron é parar aínda máis a economía. Non ten valor para enfrontarse a Merkel e esixirlle un cambio na política económica europea. Non tomou medidas para esclarecer o escándalo do financiamento ilegal do seu partido. Eliminou do seu vocabulario a palabra Bárcenas...
Necesitamos un líder, pero un líder de verdade. Alguén capaz de dirixir o gran potencial que temos os españois. Un presidente do Goberno valente que tome decisións sobre a corrupción. Un Presidente que sexa capaz de representar a todos os españois. Un Presidente ao que lle importe máis España que o seu partido político. Unha persoa capaz de entender que o ben común está por diante do ben particular.
Cando o Sr Rajoy afirma que foi elixido por maioría absoluta, esquece que foi elixido para cumprir os seus compromisos. Que foi elixido para liderar a saída da crise de todos e non duns poucos. Que ten a obriga de render contas e de informarnos a todos. Os cidadáns non elixiron como Presidente a unha pantalla de plasma ou a un ser virtual. Os españois non elixiron para gobernar o país unha avestruz que esconde a cabeza debaixo da terra.
Teño que recoñecer que eu non lle votei, pero como demócrata que son considérolle o meu Presidente. O que nunca recoñecerei será un presidente virtual que comparece ante os medios a través dunha pantalla de plasma. Aínda que sexa por respecto aos seus votantes, debería ter o valor de dar a cara e non se esconder. Debe asumir os seus problemas e se non se encontra capacitado para resolvelos debería ter o valor de recoñecelo e presentar a súa dimisión.
Ese entrañable xogo ao que xogabamos de pequenos deber seguir chamándose o escondedoiro. Non debemos consentir que agora os nenos lle chamen xogar ao Sr. Rajoy.  

Ningún comentario: