mércores, 17 de abril de 2013

UNHA ECONOMÍA SEN IDEAS CLARAS

Na economía española dá a impresión de que todo segue moi revolto e de que pode pasar calquera cousa en calquera momento, e non precisamente porque haxa moitas ideas claras que iluminen o camiño. Máis ben estase á espera de de que Europa achegue algunha solución -algo improbable ata que pasen as eleccións alemás de setembro-, mentres que aquí se fan os deberes sen unha folla de ruta da que se desprendan custos pero tamén esperanzas. O país non sabe moi ben onde se encamiña. Dito con palabras de Miguel Delibes en 'Madeira de heroe': pode saberse onde imos?
Xa non se fala de rescate de xeito explícito, pero en cambio están sobre a mesa todos os ingredientes que adoitan barallarse nun rescate: o axuste do gasto público, a rebaixa do número de funcionarios ou dos seus soldos, a caída dos salarios no sector privado e as pensións, suponse que para alongar a idade de xubilación ou algo polo estilo.
O Goberno español acaba de formular no Eurogrupo a necesidade de que o Banco Central Europeo adopte un papel máis activo que permita rebaixar os custos financeiros. Non só están asfixiadas as administracións públicas, o mesmo sucede nas empresas; mesmo nalgunhas que van razoablemente ben, pero que poden deixar de ir.
É normal que España teña présa, xa que unha economía en recesión non pode soportar durante moito tempo custos financeiros como os actuais nin unha prima de risco que no mellor dos casos equivale a unha asfixia tolerable. Do mesmo modo, é evidente que Europa é a única zona económica do mundo que segue en recesión e que algo ten que cambiar.
Por fortuna, non só os políticos achegan ideas. Unha caricatura sobre a crise que sofre Grecia, realizada polo veterano debuxante dese país Michael Kountouris, gañou este fin de semana en Portugal o Gran Premio do World Press Cartoon. O debuxo, titulado 'Equipo de rescate da UE', destaca a pegada de varias persoas que se suicidaron, mentres unha inoperante Unión Europea, como bombeiro inútil, non impide esa acción dramática. José L. Gómez

Ningún comentario: