A planta Sigre carece de depuración e verte residuos nun rego de Cerceda
..
..
As impurezas e os restos da limpeza da instalación que xestiona Danigal acaban nun regato cercano ao parque acuático da localidade.
. .
A planta Sigre, que pretende ser un exemplo de reciclaxe e coidado do medio ambiente, incumpre coas condicións mínimas de respecto co contorno. A instalación que xestiona Danigal en Cerceda, e que trata todos os restos de medicamentos das farmacias de España, carece de depuración e verte impurezas e desperdicios da súa limpeza a un regato cercano.
A planta Sigre, que pretende ser un exemplo de reciclaxe e coidado do medio ambiente, incumpre coas condicións mínimas de respecto co contorno. A instalación que xestiona Danigal en Cerceda, e que trata todos os restos de medicamentos das farmacias de España, carece de depuración e verte impurezas e desperdicios da súa limpeza a un regato cercano.
O centro, situado no polígono do Acevedo, non conta con elementos mínimos de depuración para tratar os líquidos resultantes da limpeza da planta, polo que acaban directamente nun rego situado a uns vinte metros e achegado tamén ao parque acuático de Cerceda. Segundo fontes próximas á compañía, a planta carece de rede de sumidoiros para uns líquidos que adoitan conter restos de medicamentos moi contaminantes, sobre todo se os seus principios activos se mesturan coa auga.
A planta Sigre, cuxo responsable é Juan Arias –fillo do ex conselleiro delegado de Sogama Mauro Arias–, volveu nos últimos días ao centro da polémica ao comprobarse que a maioría dos restos de medicamentos derivados da instalación acabaron ciscados no vertedoiro de Sogama nos últimos seis anos.
Danigal incumprou así o acordo con Sigre de 2002 que especificaba que os rexeitamentos da reciclaxe de medicamentos serían incinerados en Sogama. Segundo fontes consultadas por este diario, unhas 2.000 toneladas anuais de fármacos foron depositadas no vertedoiro da Areosa, que tamén é xestionado por Danigal malia ser propiedade da sociedade pública. Dous camións diarios e 12.000 toneladas durante os últimos seis anos.
O Sigre (Sistema Integrado de Gestión y Recogida de Envases), un organismo que conta co apoio dos gobernos central e autonómicos, pediu xa explicacións a Danigal e a Sogama e recoñeceu estar “totalmente sorprendido” ante as informacións publicadas.
Esta entidade estatal sen ánimo de lucro anuncia incluso que “denunciará” a Danigal se comproba que non cumpriu co acordo asinado en 2002, malia aclarar que non ten “por que dubidar” da palabra dos seus xestores. Sigre pediu documentación tanto á compañía que xestiona os tratamentos farmacéuticos como a Sogama.
Danigal, pola súa banda, pasoulle a bóla á compañía pública e lembrou que “ningún técnico” da sociedade “rexeitou a recepción dos residuos entregados” pola súa empresa e que acababan ao final no vertedoiro da Areosa.
Danigal responde así a unha nova acusación de neglixencia medioambiental. Seis traballadores da compañía están imputados nas dilixencias abertas polo Xulgado de Instrución número 1 da Coruña tras as verteduras ao río Lengüelle que provocaron a morte de milleiros de troitas.
Ademais, un vertedoiro privado de Danigal na Areosa acolleu durante ano e medio unhas 5.000 toneladas mensuais de residuos urbanos da Coruña e da súa área metropolitana malia carecer de autorización e presentar graves deficiencias.